Texto íntegro do comunicado
leído por Manuel Rivas
Nunca máis

Juan Antonio Arrivi
|
Gracias irmáns:
Aquí está a dignidade, aquí
está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo,
aquí está a honra de Galicia.
Si, gracias irmáns:
Nós tamén invocamos hoxe aquí
a protección do Santiago Apóstolo, de Prisciliano, de Santo
André de Teixido, da Virxe do Carme, nai e señora da xente
do mar, pero invocamos sobre todo a forza do pobo, a capacidade cívica,
democrática, de nós mesmos para afrontar responsablemente
e con coraxe esta situación de emerxencia, sen que se nos oculte
a realidade, sen que se secuestre información, sen que falte á
dignidade pretendendo acalar as verdades cun tintinar de moedas.
Si, gracias irmáns: |
Gracias a todos os que viñestes do Eo ao
Miño, gracias especialmente ás familias do mar que están
aquí, co peso da dor e destas noites de vixilia sobre os seus ombros,
e gracias tamén moi especiais a esa humanidade sensible, alerta
oa sufrimento da xente e da destrucción da naturea, que dende todo
o mundo ten enviado o seu abrazo solidario e amosa o seu noxo e horror
polo que acontece no mar de Galicia. Un mar fonte de vida, un excepcional
ecosistema, o máis precioso horto da creación, velaí
o tedes, en permanente ameaza, convertido nun vertedoiro de velenos, machacado
pola cobiza duns e o desleixo, o abandono doutros.
Convocados aquí, dunha maneira libre e unitaria,
en marea cívica fornte á marea negra do Prestige e na crise
e na emerxencia en que Galicia está asolagada: Esiximos a declaración
de Galicia como zona catastrófica. Trátase dun desastre
de dimensións nacionais. Cómpre, pois, a inmediata dotación
de recursos de todo tio para reparar as graves consecuencias económicas,
sociais, medio-ambientais e para a saúde provocadas por este sinistro.
O que precisa Galciia non son remendos paliativos senón plans a
longo prazo que contemplen o binomio tan estreitamente relacionado de
protección do medio ambiente e o emprego e benestar da poboación.
As institucións españolas, a Comunidade
Europea e os organismos internacionais deberían contemplar tamén
a existencia do que poderiamos chamar unha Débeda Histórica
de Catástrofes, pois temos sufrido xa seis catástrofes deste
tipo e de gravísimas dimensións en trinta anos, e é
unha responsabilidade a asumir polas institucións galegas o demandar
esas compensacións históricas. Non só quen contamina
debe pagar senón tamén quen obtivo e obtén beneficios,
as petroleiras deberían pagar.
Reclamamos para Galicia a inmediata posta en marcha
de mecanismos de prevención que impidan que a catástrofe
vaia en aumento, coa posta a disposición dilixente dos medios económicos
e loxísticos para impedir a contaminación de novas zonas,
a intensificación nas xa contaminadas e a limpeza e a restauración
medioambiental da costa.
Reclamamos para Galicia a adopción de medidas
determinantes, ben concretas, por parte do Goberno central e da Xunta
para que feitos como este non se volvan a repetir nunca máis. Medidas
para impedir xa, e é o momento agora, por respecto ao loito do
mar, o paso de buques que non reúnan as garantías de seguridade,
apartar o corredor marítimo e establecer un control estricto do
tráfico e do almacenamento de mercadorías perigosas.
Reclamamos para Galicia a dotación dun verdadeiro
dispositivo de salvamento, dun plan de emerxencia e dun operativo de reacción
inmediata para loitar contra a contaminación mariña, con
remolcadores axeitados e con buques anti-contaminantes. Aqueles que presumen
de potencia mundial, ¿non lles cae a cara de vergoña ao
ver que aí, cunha nova marea negra nas nosas costas, non hai un
só buque anti-contaminante con pavillón español?
Reclamamos para Galicia a ubicación nesta
costa da Axencia Europea para a Seguridade Marítima.
Reclamamos que se impulse unha lexislación
internacional que acabe con este tipo de capitalismo delincuente, amparado
na comenencia e nos paraísos fiscais, que estraba a vida dos pobos
e dos verdadeiros paraísos do mar e da terra.
E rematamos:
O sinistro do Prestige e o ocorrido despois, pón
en evidencia dun xeito inapelable a inexistencia de medidas de prevención
axeitadas, a ausencia de plans de emerxencia para facer fronte a este
tipo de catástrofes, a improvisación e descoordenación
nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación e a total
escaseza de recursos técnicos e humanos para facer fronte a este
tipo de situacións.
Denunciamos as responsabilidades derivadas destas
deficiencias. Reclamamos a demisión das autoridades que coa súa
ineficacia e irresponsabilidade non souberon impedir que o accidente tivese
as peores consecuencias. Dicímolo no código do mar: Delta
India Mike India Sierra India Oscar November: Dimisión. É
nas situacións críticas cando os gobernantes teñen
que estar a carón do pobo, informando realmente, nos medios e no
Parlamento, e activando os recursos dun país.
Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria,
Casón, Mar Exeo.... e agora Prestige. Xa non queremos contar máis.
Xa abonda. Xa estamos petroleados ata as praias da alma. Galicia, mobilizada
de exemplar, conseguiu nos anos Oitenta que se pechara o vertedoiro de
residuos radioactivos, o cemiterio nuclear, fronte á costa de Fisterra.
Pois ben. Hoxe dicimos: NUNCA MÁIS. Que non se desprecie máis
este S.O.S dun pobo canso de aturar e sufrir. Que se escoite en Santiago,
Madrid e Bruxelas. Que se escoite onde se teña que escoitar.
Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca
máis!’.
Manifesto final da marcha de Santiago. 01/11/2002.
|